Mostrando entradas con la etiqueta aprendizaxe. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aprendizaxe. Mostrar todas las entradas

lunes, 21 de septiembre de 2015

Reflexión sobre a Contorna Persoal de Aprendizaxe (Personal Learning Environment, PLE)

Que son as Contornas Persoais de Aprendizaxe?

As Contornas Persoais de Aprendizaxe son un novo enfoque sobre como e onde aprendemos. Son unha maneira de entender ese proceso formal e informal de adquirir coñecementos que se desenvolve ao longo de toda a vida. 

Elaborar un PLE permítenos desenvolver as nosas competencias e favorecer a nosa aprendizaxe porque o deseño adáptase aos intereses e necesidades persoais.
  • Cada persoa fíxase os seus propios obxectivos. Decide que, como, onde, a que ritmo e en que grao quere aprender. 
  • Non hai unha estrutura formal. Non hai esixencias, límites nin restriccións.

Un PLE ten tres partes principais segundo Jordi Adell: 
  • As ferramentas que eliximos para a nosa aprendizaxe. 
  • Os recursos ou fontes de información. 
  • A Rede persoal de aprendizaxe (Persoal Learning Network, PLN) que imos construíndo.

Esquema gráfico da miña Contorna Persoal de Aprendizaxe

A miña contorna persoal de aprendizaxe

Da miña contorna persoal de aprendizaxe destaco as posibilidades que ofrece o mundo dixital (ferramentas, recursos e servizos) para acceder, organizar e compartir coñecemento. Atopar e seleccionar información útil e relevante de forma eficiente é para mín a parte máis laboriosa. Servizos como Feedly e ferramentas como os clásicos marcadores ou Diigo facilitan ese traballo.

Captura de pantalla de Feedly

No meu día a día actualizo, reforzo e incorporo novos coñecementos mediante o consumo de información de diversas fontes: prensa, blogs, videos, presentacións. Emprego e valoro enormemente os servizos de almacenamento na nube como Dropbox, Google Drive ou o que ofrece Office 2010. Aportan seguridade no arquivo de información, permiten tela en todo momento e en calquera lugar, compartila e traballar de xeito colaborativo.

Por último, non quixen deixar atrás neste esquema da miña contorna persoal de aprendizaxe os "lugares creativos" do mundo offline onde reflexiono, ordeno inquietudes e de súpeto aparecen as mellores ideas... Todas as ferramentas e espazos, online e offline, nutren e potencian a miña personalidade curiosa e autodidacta.


"Todos/as temos xa un PLE. Sempre existiron!" Jordi Adell

REFLEXIÓN SOBRE O CONTORNO PERSOAL DE APRENDIZAXE



Que é un PLE?

PLE (acrónimo de Personal Learning Environment) ou Contorno Persoal de Aprendizaxe é un sistema de aprendizaxe persoal no que se integran coñecementos formais e informais a través dun conxunto de ferramentas, servizos e conexións coas que se pode dirixir a propia aprendizaxe. Permite organizar, filtrar, comentar e compartir información a través da comunidade na que se participa e das fontes do noso interese.

É unha maneira individualizada de acceder a todos os coñecementos e información que nos ofrece a rede e de xestionar, deste xeito, a nosa propia aprendizaxe.

Compoñentes do PLE

Para Jordi Adell o contorno persoal de aprendizaxe ten tres compoñentes:
  • Ferramentas ou aplicacións: son programas, aplicacións ou servizos en liña para buscar, organizar, crear, comunicar, colaborar e publicar.
  • Recursos ou fontes de información: son os sitios ou páxinas web que se consultan en relación co tema de interese.
  • Rede persoal de aprendizaxe: son as persoas coas que mantemos contacto e compartimos contidos.

O meu PLE

Antes de asistir a este curso non escoitara falar do PLE, así que isto é novo para min. A miña forma de consultar, de gardar e compartir a información eran antidiluvianas, como podedes ver no seguinte debuxo:


Diigo

Unha das ferramentas para organizar o noso PLE é Diigo: servizo web para gardar as direccións dos nosos favoritos mediante un sistema de etiquetas para localizalos máis facilmente. Permite tamén resaltar parágrafos nas páxinas visitadas e incluír notas ou comentarios. Presenta ademais outras funcións: formar comunidades, foros, enviar sms ou textos a twitter cos enlaces ás páxinas que queiramos.

Feedly

Acabo de darme de alta en Feedly. Considero que é unha ferramenta moi útil, pois permite ter nunha mesma páxina todas as actualizacións das páxinas ou blogs que nos interesen, con suscrición RSS.