lunes, 27 de julio de 2015

Reflexión sobre o marco conceptual de Rosa González Quintáns




Introdución

No marco conceptual percorremos as actuais políticas de emprego a nivel europeo, estatal e autonómico, centrándonos nas políticas activas de emprego e nas subvencións e programas dispoñibles. Vimos a estrutura da formación profesional, a formación para o emprego e o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, a partir do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais. Revisamos os conceptos máis relevantes sobre o mercado de traballo, a creación de empresas e o emprendemento.


Marco de referencia da orientación laboral

No primeiro tema revisamos as competencias en materia de emprego a nivel estatal (SEPE) e autonómico (SPEG) e as diferentes medidas, programas e subvencións para mellorar as posibilidades de acceso ao emprego das persoas desempregadas, mellorar a promoción profesional e o mantemento do emprego das persoas ocupadas e fomentar o espírito social e a economía emprendedora.

Para coordinar estas competencias existen tres instrumentos: a Estratexia Española de Activación para o Emprego, os Plans Anuais de Política de Emprego e o SISPE, pois a competencia en materia lexislativa das políticas activas correspóndelle ao estado e a súa execución ás comunidades autónomas.

Paralelamente, a Unión Europea ten unha competencia complementaria, elaborar unha estratexia común, a Estratexia Europea de Emprego, que sirva como marco de coordinación das políticas de emprego europeas. Consiste nun paquete anual de medidas de emprego cunhas directrices a todos os estados membros, plans nacionais de acción para o emprego, un informe conxunto e unhas recomendacións específicas para cada país. Sitúase na Estratexia de Crecemento Europa 2020.

Cristina Bernal falounos das medidas activas de emprego en Galicia, centradas, entre outras, no Programa de Garantía Xuvenil e no Plan de Activación para o Emprego. Fixo referencia á Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego, aprobada polo Real Decreto 7/2015, do 17 de xaneiro, carteira que todos os usuarios dos servizos públicos de emprego debería coñecer, e á importancia de ter as demandas de emprego ben informadas e clasificadas.

O mercado de traballo

No segundo tema acercámonos aos conceptos máis importantes sobre o mercado de traballo: a oferta e demanda de traballo, o equilibrio do mercado de traballo e as diferentes opinións sobre este mercado das dúas principais escolas de pensamento económico, a escola clásica e a escola kinesyana. Para medir o mercado de traballo úsanse como indicadores a EPA e os informes de paro rexistrado. Vimos a definición de desemprego, os diferentes tipos de paro e as súas causas, punto no que están de acordo as dúas escolas económicas: os salarios son ríxidos á baixa.

Certificación e formación profesional

No terceiro tema sobre a certificación e a formación profesional, as poñentes Elena González de la Cámara e Ana Ferreiroa Dobarro, deixáronnos moi claro que o importante eran as cualificacións. As cualificacións están recollidas no Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais. A este catálogo accede tanto a administración educativa, para ofertar os títulos de Formación Profesional, como a administración laboral, para emitir os certificados de profesionalidade.

Elena González de la Camara revisou os conceptos referentes á formación profesional, formación para o emprego, ás cualificacións, certificados de profesionalidade,... para deixárnolos totalmente claros ao final da sesión. Toda esta oferta formativa, confeccionada a partir das cualificacións do CNCP, xorde para dar resposta ás necesidades do mercado de traballo. Resalto a referencia ao Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo, para a reforma urxente da Formación Profesional, que presenta como novidades a creación dunha conta de formación asociada ao noso número de afiliación á Seguridade Social, dun cheque de formación para desempregados e, como cambios, a concorrencia competitiva entre as empresas de formación e a teleformación, entre outros.

Ana Ferreiroa Dobarro participou na elaboración da familia marítimo-pesqueira do CNCP e nos certificados de profesionalidade e, actualmente, traballa no recoñecemento da experiencia profesional. Na primeira parte da súa charla centrouse nos certificados de profesionalidade, profundizando en todos os seus aspectos, na súa codificación, na súa estrutura, nos requisitos de acceso do alumnado e profesorado, na teleformación. Na segunda parte, analizou detalladamente o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional: as fases nas que se estrutura, os requisitos de acceso e a gran complexidade de todo este proceso. Ao final comentounos o que significou para as redeiras obter un certificado que avalase as súas competencias.

A política social e de emprego na Unión Europea

No tema cuarto vimos como se coordinan as políticas de emprego da UE, a través do paquete anual das medidas de emprego, para camiñar cara aos obxectivos de emprego do horizonte 2020: emprego para o 75% das persoas entre 16 e 64 anos. A Estratexia Europea de Emprego financiase con fondos europeos, o FEDER  e o FSE, en programas operativos de sete anos de duración.

No relaborio de Cristina Couto Palla coñecemos as diferentes redes de información europeas, como se financian as accións de emprego, igualdade e inclusión e os recursos e ferramentas de mobilidade. Para min era un tema novo, pois practicamente só coñecía  a rede EURES, ERASMUS, LEONARDO. Sorprendeume saber que había tantas redes e recursos a disposición de cidadáns e empresas, por citar algunas que me chamaron a atención, destacaría a rede SOLVIT, rede en liña para a resolución de conflitos provocados pola aplicación incorrecta da lexislación e o NARIC, que informa sobre homologacións entre títulos universitarios. Os estudantes interesados en traballar na UE é importante que vaian construíndo o seu perfil europeo, con períodos de estudo, prácticas ou voluntariado en Europa.

A iniciativa emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral

No quinto tema analizamos as causas da pouca cultura emprendedora en España a as súas dificultades. Vimos a importancia do emprendemento para crear emprego estable e o valor das empresas de economía social. Unha medida necesaria para o fomento da cultura emprendedora é a implantación desta formación no ámbito escolar, e, sobre todo, no universitario para aproveitar o talento do elevado número de titulados universitarios en España. Coñecemos, tamén, os elementos esenciais da creación de empresas: a idea, o plan de empresa e os motivos. As ideas débense poñer en situación antes de elaborar o plan de empresa, unha forma moi simple de realizar esta autoavaliación é o lenzo canvas. Feita esta autoavaliación e considerando o proxecto viable, pásase á elaboración do plan de empresa.

Nas sesións de Fernando Agulló Leal iniciamos unha práctica grupal sobre o emprendemento, buscando, primeiro, unha idea de negocio e elaborando, posteriormente, o lenzo canvas.

Módulo transversal de competencias dixitais

Co módulo das competencias dixitais empezamos a crear a nosa identidade dixital profesional a través do correo de gmail, de twitter e do blogger, cun blog grupal onde publicar os traballos individuais e grupais. Abrimos carpetas persoais e compartidas no drive e usamos o tagxedo para confeccionar a nosa nube de intereses profesionais. É a primeira vez que emprego estas ferramentas dixitais e, para min, abriuse un novo mundo de posibilidades.

Que é a marca persoal?




CONCLUSIÓNS


O curso paréceme interesante por varios motivos:

Dános a oportunidade de coñecernos os participantes que asistimos ao curso, algúns, con formación ou traballando no ámbito da orientación laboral, outros, relacionados co ámbito laboral.

Os temas son importantes para o ámbito da orientación laboral porque nos axudan a situarnos no contexto laboral actual, a coñecer os conceptos básicos sobre a creación de empresas e a estrutura da formación para o emprego.

A plataforma proporciona moitos e variados recursos e información complementaria que nos pode ser de utilidade no noso traballo.

Paréceme importantísimo saber onde buscar a información para movernos no ámbito laboral e poder transmitirllo aos demandantes en busca activa de emprego.

Os poñentes son expertos na materia, e formadores, polo que coñecemos a información de primeira man e exposta dunha maneira atractiva, ben polo enfoque práctico ou polo alto nivel de participación dos asistentes. 

Estamos comezando a crear a nosa pegada profesional e a coñecer as posibilidades da busca de emprego a través da web 2.0.

Para saber máis:

No hay comentarios:

Publicar un comentario