lunes, 27 de julio de 2015

Sinopse e Reflexión sobre o Módulo I "Marco Conceptual" da Orientación Laboral

O módulo I “Marco Conceptual” introduce as nocións básicas da contorna de traballo do profesional da orientación laboral: información sobre o mercado de traballo, estrutura dos servizos públicos de emprego, procedementos de acreditación de competencias, programas e recursos europeos, asesoramento para o autoemprego e a creación de empresas. Distribúese en 5 temas.

MÓDULO I - MARCO CONCEPTUAL DA ORIENTACIÓN LABORAL
Temas Módulo I "Marco Conceptual"

Estes cinco temas compleméntase con seis relatorios de expertos/as. O contido e impresións sobre o desenvolvemento destas ponencias detállanse a continuación:

O primeiro relatorio, “O Servizo Público de Emprego de Galicia: medidas activas de emprego” de Teresa Bernal Cortegoso, centrouse nas políticas activas de emprego en Galicia e na estrutura pública de implementación. A exposición definiu os axentes implicados no sistema, as medidas postas en marcha e os conceptos básicos sobre o mercado de traballo: Servizo Público de Emprego de Galicia (funcións, organigrama, distribución de competencias cos servizos estatais), definición de demanda de emprego, indicadores do mercado laboral (EPA, paro rexistrado, afiliación á Seguridade Social), medidas activas de emprego (servizos para a mellora da empregabilidade, axudas ao autoemprego e a economía social e axudas á contratación por conta allea).

Principalmente deste relatorio destacaría a importancia de coñecer e manexar as distintas fontes de información e a definición do funcionamento dos servizos públicos de emprego. Esta información é moi importante para poder aproveitar todos os recursos que ofrece o sistema ás persoas desempregadas.

No caso das políticas activas de emprego, estratexias que teñen unha repercusión directa nos colectivos susceptibles de atención, destacaría a necesidade de completar esta ponencia con máis detalle sobre as medidas e programas, principalmente sobre os que se están a pór en marcha na actualidade como Garantía Xuvenil ou o Programa de Activación para o Emprego.

Tamén xunto co coñecemento dos recursos que oferta o sistema público engadiría os recursos do sector privado, unha referencia ás axencias de colocación que están a traballar actualmente en Galicia.

Evolución taxa de paro España 2007-2015

O segundo relatorio “A estrutura da formación profesional e os certificados de profesionalidade” de Elena González de la Cámara Cayuela introduciu o concepto da cualificación profesional para centrarse na estrutura modular da formación profesional e os certificados de profesionalidade. Nesta ponencia definíronse: as cualificacións e as competencias (significado, estrutura, Sistema Nacional, Catálogo Nacional, Marco Europeo, acreditación), a formación profesional (estrutura, distribución modular, títulos, requisitos) e os certificados de profesionalidade (finalidade, estrutura, actualizacións normativas). Tamén se referenciou básicamente o procedemento de acreditación profesional pola vía da experiencia que sería tratado na ponencia seguinte.

Da temática do relatorio, de moito valor na orientación, destaco principalmente o coñecemento dos distintos procesos para cubrir as necesidades de cualificación das persoas: coñecer se lles serve para un emprego concreto a formación ou experiencia que xa posúen, se necesitan algún título, requisitos para acceder a un certificado, convalidacións de carnés profesionais para realizar un determinado traballo. O enfoque da cualificación e a competencia profesional está a consolidarse na nosa contorna laboral e paréceme unha alternativa atractiva para impulsar a formación nunha dirección harmónica entre as necesidades das persoas, as empresas e o mercado de traballo.

O terceiro relatorio “Certificación e competencias” de Ana Ferreiroa Dobarro completou o anterior de Elena González de la Cámara Cayuela profundizando nos certificados de profesionalidade e no procedemento de recoñecemento da experiencia profesional. Detalláronse as vías para a obtención dunha cualificación profesional, os conceptos básicos sobre os certificados de profesionalidade (familias, niveis de acceso do alumnado, requisitos do profesorado, comparativa cos anteriores a 2008, ofertas de formación, prácticas en centros de traballo) e o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional en Galicia.

O relatorio foi especialmente ilustrativo na parte do procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral e/ou vías de formación non formais, un proceso de recente implantación que ofrece grandes posibilidades para as persoas usuarias pois axuda a identificar e acreditar as súas competencias e a completar o seu historial profesional.

A orientación laboral: Encaixando pezas... :-)

O cuarto relatorio “O mercado de traballo. A iniciativa emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral” de Fernando Luís Agulló Leal centrouse no coñecemento do mercado laboral e na creación de empresas. Expuxéronse os conceptos clave do mercado de traballo (oferta e demanda, equilibrio do mercado, indicadores, paro, tipos de paro, causas e efectos), o modelo produtivo, os beneficios da creación de empresas e os elementos clave dun proxecto emprendedor (a idea, o plan de empresa, a motivación da persoa emprendedora).

A ponencia completou e desenvolveu aspectos introducidos por Teresa Bernal Cortegoso sobre o mercado de traballo, un entorno sumamente cambiante que o profesional da orientación debe ter en conta. A procura de emprego require dun coñecemento preciso das características do mercado, das súas demandas, do perfil profesional adecuado, das tendencias… para orientar adecuadamente cara ao emprego.

Considero de especial importancia neste relatorio: as nocións sobre autoemprego e a creación de empresas. Esta parte, que se seguiu a desenvolver nunha sesión posterior, serviu de introdución para realizar diagnósticos de persoas emprendedoras e asesorar na posta en marcha de proxectos empresariais.

O quinto relatorio “Política social e de emprego da Unión Europea” de Cristina Couto Palla tocou tres temas relacionados con Europa: redes de información europea, financiamento de proxectos ou accións de emprego, igualdade e inclusión social e recursos e ferramentas de mobilidade.

Nesta ponencia proporcionáronse gran cantidade de recursos e ferramentas para acceder e xerar oportunidades de emprego, formación e outras experiencias de educación formal e non formal na UE. Resultou moi interesante a claridade na exposición do sistema de xestión dos fondos e os diferentes programas comunitarios para o financiamento de proxectos do ámbito social.

O sexto relatorio “A iniciativa emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral. Caso do Modelo Canvas” de Fernando Luís Agulló completou a anterior sesión introdutoria do emprendemento. Nesta ponencia explicouse o modelo Canvas, unha metodoloxía para validar a idea emprendedora antes da realización do plan de empresa. En grupos, púxose en práctica o aprendido coa realización dun xogo de simulación (deseño dun modelo de negocio). Traballouse con este método sobre unha idea empresarial e os lenzos que se obtiveron ao deseñar os diferentes modelos de negocio foron expostos nun taboleiro.

O modelo Canvas resulta especialmente útil como esquema para describir un proxecto empresarial dunha forma visual e moi simple. A sinxeleza do método parece unha solución rápida na primeira fase do asesoramento a emprendedores/as pois forza o razonamento e a visión estratéxica sobre o que podería funcionar ou non na idea empresarial.

Video sobre os 9 bloques do modelo Canvas

Para saber máis:

No hay comentarios:

Publicar un comentario