viernes, 30 de octubre de 2015

REFLEXIÓN MÓDULO 3





No terceiro módulo profundizamos nas diferentes funcións que ten que realizar o orientador laboral para desenvolver o seu traballo. O proceso de orientación laboral ten como obxectivos principais darlle ferramentas ao usuario e acompañalo na súa busca de emprego para que aprenda a ser autónomo e saiba definir o seu obxectivo profesional.

INTERMEDIACIÓN LABORAL

Hai diferentes formas de enfrontar a orientación: modelo didáctico, modelo de asesoramento e modelo centrado nos recursos.

Cando se elabora unha intervención, hai que ser flexibles na elección do modelo para adaptarse ás particularidades do colectivo que se está a atender. A orientación debe ser individualizada, flexible e desenvolver a autonomía do orientado.

Proponse un modelo de intervención que consta de catro elementos: a entrevista, un sistema facilitador de inserción, unha estratexia de intervención centrada nos recursos do usuario e está baseada en itinerarios.

A orientación adoita ser individualizada, aínda que se poden realizar accións grupais, para desenvolver habilidades ou cambiar actitudes.

Para axudar a tomar decisións o orientador, ademais de recoller os datos relacionados coa formación, experiencia laboral e situación persoal, debe indagar sobre os hábitos de busca de emprego, as vías de información, se por detrás hai un obxectivo profesional concreto, como organizan a busca e a súa motivación.

Dentro do traballo da orientación laboral encádrase o traballo con colectivos vulnerables. É necesario que dispoñan de servizos de orientación laboral específicos para poder acceder a un emprego e, deste xeito, saír do ámbito da exclusión.


ITINERARIOS DE INSERCIÓN

Cos profundos cambios que está a sufrir o mercado de traballo a orientación requírese ao longo de toda a vida, tanto no colexio como no mundo laboral e será necesaria, sobre todo, con aqueles colectivos máis vulnerables.

Os servizos públicos de emprego traballan con itinerarios para insertar sociolaboralmente os colectivos vulnerables, pero tamén coa poboación desempregada, en xeral.

Que é un itinerario de inserción?

Un itinerario de inserción é un conxunto de accións organizadas nun proceso individualizado e lóxico que persegue dous obxectivos: a inserción sociolaboral e o desenvolvemento da autonomía profesional dos usuarios.

Divídese en tres fases: un diagnóstico personalizado, unha intervención orientadora e unha supervisión e revisión continua.

Caracterízase pola súa flexibilidade para poder adaptarse aos cambios que xurdan neste proceso.

No final do tema móstrase unha metodoloxía para elaborar un itinerario de inserción. Son un conxunto de fichas das diferentes fases nas que se divide un itinerario, que guían ofrecendo recursos e nos que podemos recoller datos.


PROCESOS INDIVIDUAIS DE ORIENTACIÓN E AXUDA NA TOMA DE DECISIÓNS

Unha das funcións dun orientador laboral é coñecer e saber aplicar as técnicas de selección de persoal.

Hai varios tipos de entrevista, unha das máis temidas é a entrevista grupal, na que se convocan varios candidatos e lles fan fan pasar unha proba de simulación, as máis frecuentes son as dirixidas ou as semidirixidas.

A entrevista estrutúrase en varias partes: a presentación, o desenvolvemento e o peche. Na presentación trátase de xerar un clima de confianza. No desenvolvemento débese recabar información sobre a formación académica e complementaria, a experiencia profesional, datos persoais e motivación. O peche da entrevista é o momento no que candidato pode expoñer as súas dúbidas sobre cuestións que non quedaron suficientemente claras ou as preguntas que traía preparadas.

Na entrevista de orientación laboral debemos indagar sobre o currículo oculto dos usuarios para obter información sobre as competencias profesionais e as características persoais. A entrevista é unha ferramenta que permite ao usuario reflexionar sobre as súas necesidades, desexos e as súas posibilidades reais.

Da primeira entrevista de diagnóstico realízase unha análise para establecer o perfil profesional do orientado. Con este perfil establécense medidas concretas de actuación, adaptadas á realidade dos usuarios.


ANÁLISE DE PERFÍS PROFESIONAIS E PROSPECCIÓN DE EMPREGO


Outros aspectos do traballo da orientación laboral son a análise dos perfís profesinais das ocupacións e o uso de técnicas de prospección do emprego, para buscar saídas profesionais para aqueles colectivos máis desfavorecidos.

Hai que darlle ferramentas ao usuario para que consiga a súa autonomía na busca de información. A análise dos perfís farase co usuario elaborando unha lista sobre os recursos de información que coñece e poden ser útiles. A esta lista podénselle engadir outros. Escóllense os recursos máis axeitados e mediante unha pauta deben describir a ocupación, funcións e tarefas, espazos onde se realiza, formación e certificados, idiomas e informática, tecnoloxías ou ferramentas utilizadas, ocupacións relacionadas, condicións laborais.

Feita esta análise o usuario estará máis preparado para decidir cal é a ocupación que máis lle interesa e se axusta ao que busca. Posteriormente pódese realizar a análise funcional da ocupación para profundizar nas competencias laborais que se necesitan para o posto.

Pareceume interesante o punto que trata sobre os novos perfís profesionais. Uns traballos desaparecen e aparecen outros novos, sobre todo relacionados coas tics: arquitecto de información, blogger, coolhunter, community manager, content curator, xestor de refugallos dixitais,...

Con respecto ao tema da prospección de empresas débese distinguir entre a orientada á oferta e a orientada á demanda. Esta última consiste en promover accións de difusión e sensibilización para fomentar as oportunidades laborais das persoas con dificultades de inserción e que o empresariado coñeza os recursos humanos dispoñibles.

A prospección de empresas divídese en catro fases: fase preparatoria, fase de planificación, fase de traballo de campo e fase de avaliación e seguimento. No caso dunha prospección para inserción laboral, na fase de campo o obxectivo é concretar un programa de inserción.


TÉCNICAS E FERRAMENTAS PARA O ACCESO AO EMPREGO E AO AUTOEMPREGO

O coñecemento das técnicas e das ferramentas de busca de emprego permitirá ao usuario posuír máis recursos para afrontar os procesos de selección. Para traballar esta temática recoméndanse dinámicas grupais e de resolución de casos porque facilitan que a información se asimile mellor.

Existe unha gran variedade de canles por onde buscar ofertas de emprego desde bolsas de traballo de portais on-line de todo tipo, prensa, convocatorias de emprego público das administracións, servizos públicos de emprego, etts, autocandidaturas, web 2.0 e networking.

O currículo é unha ferramenta para conseguir unha entrevista de traballo. Trátase de unha ou dúas follas, como máximo, onde plasmamos a nosa formación e traxectoria profesional. É importante coñecer todos os tipos para escoller o que mellor encaixe co noso perfil ou co tipo de empresa na que buscamos traballo. Recoméndase facer un currículo combinado, cronolóxico ou funcional, engadindo as competencias adquiridas. 

<


A entrevista é o momento do proceso de selección no que o candidato pon en xogo todas as súas habilidades persoais, sociais e emocionais. Hai diferentes tipoloxías, polo que é necesario coñecelas todas e facer sesións grupais con simulacións e visionado de vídeos, para poder enfrontalas con maior éxito.

Hai outras formas de busca de emprego. Unha é o networkingOutras fórmulas son o autoemprego, o cooperativismo e as empresas de economía social



A ELABORACIÓN DO PLAN  DE EMPRESA

O último tema tratou o arduo proceso de elaboración dun plan de empresa coa finalidade de orientar mellor os emprendedores.

O plan de empresa é un documento imprescindible para poñer en marcha unha empresa. 

Describe un proxecto á vez que analiza a súa viabilidade técnica, económica e financeira. É un documento de comunicación interno, a filosofía da empresa, e externo, para conseguir financiamento.

Cada emprendedor debe elaborar o seu propio modelo, pero todas deben conter:
  1. Estudo de mercado. Debe ter en conta a actividade da empresa, coñecer o mercado, o contorno.
  2. Plan comercial
  3. Plan de organización e recursos humanos
  4. Estudo económico-financeiro
  5. Conclusións
  6. Viabilidade do proxecto
Para saber máis:




No hay comentarios:

Publicar un comentario